Friday 29 de March de 2024

Camariñas trasladará á Dirección Xeral de Mobilidade as inquedanzas das ANPA’s do Instituto Pedra da Aguia e do CEIP Ponte do Porto


· A implantación da tarxeta “Xente Nova” para o uso do transporte escolar afecta á comunidade educativa dos centros camariñáns e de especial xeito ao alumnado de Ponte do Porto.

· O Concello manterá as mesmas medidas de limpeza do servizo sen custo para as persoas usuarias.

O Concello de Camariñas trasladará á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia as inquedanzas das ANPA’s do Instituto Pedra da Aguia e do CEIP Ponte do Porto.

A implantación da tarxeta “Xente Nova” para o uso do transporte escolar afecta á comunidade educativa de ambos centros camariñáns e de especial xeito ao alumnado de Ponte do Porto. Esta medida deixa sen dereito de reserva de praza e gratuidade aos escolares con menos de 2 quilómetros de traxecto ao centro.

O Concello, pola súa banda, manterá as mesmas medidas de limpeza do servizo sen custo para as persoas usuarias.

Non se teñen en conta, por outra banda, as circunstancias económicas, sociais e familiares de cada un dos alumnos que viven nunha contorna rural e que, ata o de agora, dispuxeron de autobús escolar en pleno dereito de reserva de praza e acompañante dos menores en todo o traxecto.

En segundo lugar, a tarxeta “Xente Nova” presenta unha recarga de 20 euros e necesita uns prazos e uns períodos para que se devolva o importe das viaxes usadas, sería necesario agregar un importe determinado para poder empregala durante un mes nas viaxes de ida e volta.

Por outra banda, a xestión da tarxeta deberase facer en oficinas afíns, sendo necesarios os desprazamentos a outros concellos, a mais de 10 quilómetros de percorrido. Supoñendo isto, terían que facer máis de 20 quilómetros cada vez que se teña que tramitar determinada cuestión con esta tarxeta.

Este conxunto de situacións supoñen unha afección aos dereitos das nenas e nenos para poder acceder ao autobús escolar e, ademais, facelo na parada máis próxima sen ser diferenciados e diferenciadas do resto do alumnado.

A alcaldesa, Sandra Insua, lamenta que “en pleno século XXI teñamos que esixir que o alumnado do rural e da contorna urbana sexa tratado cos mesmos dereitos”, enfatizando na necesidade da existencia “dun servicio de calidade e que garanta as óptimas condicións e calidades de vida para a educación”, sentencia.